Os baby boomers son a cohorte demográfica que segue á xeración silenciosa e que precede á xeración X. A xeración defínese xeralmente como as persoas nadas entre 1946 e 1964, durante a explosión de natalidade posterior á segunda guerra mundial. As datas, o contexto demográfico e os identificadores culturais poden variar.[1][2][3][4] O baby boom ou explosión de natalidade[5] foi descrito de varios xeitos como unha «onda expansiva» e como «o porco na pitón» (aumento estatístico representado como un engrosamiento nunha pauta).[6]
Nos decenios de 1960 e 1970, en Occidente, a medida que este número relativamente grande de mozos entraba na adolescencia e na idade adulta —o maior cumpriu 18 anos en 1964—, eles e quen os rodeaba crearon unha retórica moi específica ao redor da súa cohorte e aos cambios provocados polo seu tamaño en número, como a contracultura dos anos sesenta.[7] Na China, durante o mesmo período, os baby boomers viviron a Revolución Cultural e estiveron suxeitos á política de fillo único cando eran adultos.[8] Esta retórica tivo un impacto importante nas percepcións dos boomers, así como na tendencia cada vez máis común da sociedade para definir o mundo en termos de xeracións, o cal era un fenómeno relativamente novo. En Europa e América do Norte, moitos boomers chegaron á maioría de idade nunha época de crecente prosperidade e de subsidios gobernamentais xeneralizados na vivenda e a educación da posguerra,[7] e creceron realmente esperando que o mundo mellorara co tempo.[6]
Considerando os rangos de idades que abarca a xeración, estímase que corresponde ao 15.0% da poboación mundial.[9]
Nos últimos anos publicaronse varios libros que analizan conflitos interxeracionais.[10]